A NOSA FRASE DA PAZ 2016

Elexida polos nosos seguidores/lectores:

"Non hai camiño cara á paz, a paz é o camiño"

Ghandi


21/06/09

MUSEO DA ACRÓPOLIS

Onte 20 de xuño inaugurouse o novo Museo da Acrópolis de Atenas, que reabre a esperanza de conseguir o retorno a Grecia dos mármores do Partenón, espoliados a principios do século XIX por Lord Elgin, e que se exhiben na actualidade no Museo Británico de Londres. O novo edificio na avenida de Dioniso Areopaxita, construído en cristal e aceiro, albergará os restos arqueolóxicos que antes albergaba o pequeno museo existente na mesma Acrópolis: as magníficas Cariátides do Erecteion, os frisos e metopas do Partenón (as que o citado Lord tivo a ben deixar), a Atenea pensativa, as Korai e os Kuroi, etc. Algúns critican a modernidade do novo edificio, mais nós pensamos que mesturar o antigo co moderno é algo necesario, sempre que se faga con gusto, claro. Ademais, tal vez os deuses e as mozas de Caria estean encantados no seu novo fogar, máis amplo e con vistas á rocha sagrada. Seguro que así lembrarán mellor a súa ubicación orixinal.
Para que poidades opinar, deixámosvos dúas fotos do novo Museo e este enlace http://www.theacropolismuseum.gr/, aínda que vos emprazamos a volver a Grecia para velo in situ.

20/06/09

APRENDER, FACENDO

Estes días os profesores miramos os derradeiros exames do curso e poñemos as notas. Logo virán as vacacións do verán, desconectaremos e, cando chegue setembro, volta a empezar. Resulta difícil cambiar os hábitos, máxime cando están inseridos dentro de nós dende hai moito tempo. Mais, con todo, se nolo propoñemos, creo que nunca é tarde para cambiar.
O vídeo que vén a continuación pode servir como punto de partida para nos decidir a intentalo.

HOMENAXE A HOMERO


Desde a biblioteca queremos desexar moita sorte aos nosos alumnos de bacharelato que onte acabaron a selectividade. Como esperamos que aproben todos e, polo tanto, que durante as vacacións de verán dispoñan de moito tempo de vagar, querémoslles propor unha viaxe –aínda que só sexa virtual- a Viena e visitar a exposición “O fenómeno Homero” na Biblioteca Nacional Austríaca (ÖNB). Podedes premer neste enlace
ou ben informarvos sobre esta exposición entrando no Departamento de Grego.

19/06/09

A NOSA FALA É NOSA

"A nosa fala é nosa. Pospola a outra calquera, é unha forma de suicidio". Manuel Antonio.

17/06/09

HISTORIA DO TEATRO

Deixámosvos unha historia do teatro recollida polos alumnos de 1º de Bach. do instituto Río Cabe de Monforte de Lemos para que repasedes un pouco, e tamén para que vexades que se poden facer moitas cousas sempre que un queira facelas.
Esta apropiación é tamén un xeito de darlles a noraboa aos alumnos e profesores do Río Cabe polo seu premio edublogs09.

14/06/09

O TEATRO, ESPELLO DA VIDA

Hai pouco unha alumna facía para todos nós un comentario dunha traxedia grega, o Edipo Rei de Sófocles (podedes lelo no enlace "departamento de grego"), que trata do poder do destino. Cremos que todos debéramos lela non só por ser un clásico senón tamén porque o teatro en xeral parte do teatro grego, e qué mellor que acudir as orixes de algo para entendelo? E falando de teatro....
Esta fin de semana represéntase no Rosalía de Castro a obra Dos menos, do autor francés Samuel Benchetrit, na que actúan xuntos por primeira vez en teatro dous grandes actores, Héctor Alterio e José Sacristán, baixo a dirección de Oscar Martínez. A obra parte do momento no que dous homes maiores, que están nun hospital, reciben a noticia de que lles quedan uns días de vida. Deciden fugarse do hospital e xuntos van a distintos lugares, iniciando unha viaxe que suporá un regreso aos sentimentos máis prezados, e ás veces máis esquecidos, do ser humano: o amor, a amizade, a paternidade, o efémero da vida. Mais trátase dunha viaxe chea de vitalidade e aceptación, na que só nos recordos aparece o sufrimento. O argumento escrito en clave de humor, consegue facernos rir coas vicisitudes destes dous enfermos terminais, magnificamente representados por dous veteranos actores que amosan no escenario todas as súas táboas.
Pois ben, para explicar a temperanza, a prudencia (os gregos falaban de sophrosyne) que os dous protagonistas da obra de Benchetrit mostran ante a inmediatez da morte, nada mellor que acudir a unhas palabras do Agamenón de Esquilo:
"A aprendizaxe é a través do sufrimento. Só entón chega o perdón e a comprensión divina, só entón chega o home a acadar a sophrosyne, a temperanza e a xustiza".

12/06/09

CENTENARIO DE AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO

O 12 de xuño de 1909 nacía en Seivane, concello de Abadín, A. Iglesia Alvariño. Como todos os nenos de familia labrega daquela época estudou no Seminario, circunstancia que o marcaría intelectualmente. Profesor de latín, tradutor, ensaísta, crítico literario, poeta, Aquilino foi un home cunha grande formación clásica, como podemos ver na perfección formal dos seus versos nos que se mesturan as resonancias clásicas grecolatinas con influencias da poesía contemporánea.
Iglesia Alvariño publica na preguerra Señardá (1930) e Corazón ao vento (1933) e na posguerra Cómaros verdes (1947), que marca o inicio da recuperación da poesía galega despois de dez anos de silencio, De día a día, que recolle poemas escritos entre 1933 e 1960, Lanza de soedá (1961) e Nenias (1961), orixinariamente unha sección de Cómaros verdes, co engadido de novas composicións. En 1964, morto xa o poeta, publicaríase Leva o seu cantare, unha edición de poemas inéditos preparada por un grupo de amigos.

A biblioteca, nun momento en que os estudos de Humanidades en xeral e de clásicas en particular están en perigo de extinción, quere lembrar ao autor de Cómaros verdes e agasallarvos con este poema seu:

Nos curros de Aldoar
Non na cama de hexámetros virxilianos
con Deiopea. Nos curros de Aldoar
durmiu esta noite o vento con Oreade.
*
Os seus bicos sabían a queirogas
a rosadas e xestas de Valiño
con flores e niños de xemexeme.
*
Traguía nas súas mans un soño ledo
de aloumiñar centeos e liñeiras.
E a súa voz era moi noviña
de falar coas loias no camiño do sol.
*
Vento pagán de ollos verdes,
ti n'afundiches frotas nemigas no Tirreno!
*
Nese teu mar de grañas infinitas
arrempuxas os pailebotes craros
dos cantares das leiras.
Cómaros verdes (1947).

08/06/09

A RESACA DO DÍA SEGUINTE

PROPOSTA DE CREACIÓN: microrrelato de humor
(Dámosvos o título e o comezo. Único requisito: utilizar maioritariamente palabras rematadas en -ión.)
Despois de tanta opinión, crispación, reflexión, elección,... hoxe toca relaxación e boa dixestión. E SATISFACTION?...
Continuade...

GRAZAS a Plétora de Piñatas polo seu exquisito humor.

SE PREMES NA IMAXE VERALA MELLOR.

07/06/09

O REINO DE SCHEREZADE

Agora que o curso apura os seus últimos días e os alumnos están pendentes de exames e notas que lles poden dar ou non o pasaporte a unhas vacacións despreocupadas, na biblioteca é a hora do reconto, de avaliar o feito e deixar organizado o comezo do novo curso. Porque, aínda que haxa momentos de desánimo, como di Almudena Grandes no excelente artigo de hoxe da súa Escalera Interior, "el amor que inspiran los libros es una pasión compleja, tan difícil de explicar como la vida", pero gustaríanos darlla a coñecer aos que aínda non a descubriron.
Tamén Gustavo Martín Garzo reflexiona sobre os libros no seu artigo de hoxe ¿Todo está en los libros? e dinos entre outras cousas que cando lemos un libro que nos gusta percibimos algo "muy cercano a la experiencia amorosa".
Por iso queremos seguir dando a coñecer e animando a ler "ese botín inagotable y secreto" que se agocha nas bibliotecas.

06/06/09

A BIBLIOTECA RECOMENDA

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente queremos recomendar estes libros especialmente aos alumnos de 2º de Bach, aínda que tamén os podedes ler todos os que esteades interesados por este tema.


05/06/09

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Co lema O SEU PLANETA NECESÍTAO A VOSTEDE! UNIDOS PARA COMBATER O CAMBIO CLIMÁTICO, celébrase hoxe en todo o mundo o Día Mundial do Medio Ambiente con chamamentos a cambiar de hábitos e consellos como Maneiras Fáciles para Tornar Verde a súa Rutina Diaria. A partir de hoxe ábrese tamén a convocatoria do premio "Cambio Climático. Ideas y miradas desde Iberoamérica" que finaliza no mes de agosto, e estréase en todo o mundo HOME do fotógrafo francés Yann Arthus-Bertrand que nos presenta o seu documental con estas palabras:
"Hai quince anos que gardo dentro de min esta película. O que vin e aprendín sobrevoando a terra cambioume. Hoxe, todo o que recibín quéroo compartir. Pola calidade das imaxes e das reflexións, esta película deberá facernos comprender que TODOS temos parte de responsabilidade e que cada quen debe aportar o seu gran de area".
E na nosa cidade tamén temos un aniversario: hoxe cúmprense dez anos da inauguración do Aquarium Finisterrae ou "Casa dos Peixes", así que vos propoño que lle fagades unha visita este serán para celebralo.

04/06/09

ACHÉGATE Á ARTE

Se vos gusta a arte e máis concretamente a pintura neoimpresionista estades de noraboa. Un grupo de deseñadores, historiadores e especialistas da imaxe dannos a coñecer a pintura de Cezanne, Van Gogh e Gauguin en alta definición a través de ZOOMORAMA, un recurso que pode servir tamén para converter fotos en retratos ampliables.

Se queredes repasar a obra destes grandes mestres da pintura premede AQUÍ.

01/06/09

VIAXE ÁS ORIXES

Hoxe, 1 de xuño, estréase na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid o documental LA ESPAÑA PREHISTÓRICA, realizado polo profesor J.L. Arsuaga e o director de cine documental da natureza Xabier Trueba. O documental recorre os ecosistemas que foron ocupando as distintas especies da nosa familia dende as selvas africanas, onde viviron os nosos máis remotos predecesores hai seis millóns de anos, ata os nosos días. Así mesmo recóllense os principais fósiles, protagonistas da evolución humana, e os xacementos onde foron atopados, realizando unha parada especial na serra de Atapuerca, un lugar excepcional para visitar todos os que esteades interesados en disciplinas relacionadas coa evolución humana ou por simple curiosidade.
A Fundación Atapuerca, onde poderedes ver interesantísimas exposicións, está situada en Ibeas de Juarros, a só 15 quilómetros de Burgos e moi preto dos xacementos da Serra de Atapuerca, na estrada de Logroño.
OS QUE POIDADES, APROVEITADE AS VACACIÓNS DO VERÁN PARA VIAXAR Á PREHISTORIA.
A CONTINUACIÓN TEDES UNS DOCUMENTAIS PARA QUE VOS FAGADES UNHA IDEA DO QUE HAI EN ATAPUERCA:




ETIQUETAS

a lingua (24) A.FdezPaz (4) acoso-bullying (5) actividadeBiblio (109) actualidade (35) adolescencia (4) alfin (2) amor (24) animación (15) arqueoloxía (9) arte (20) astronomía (10) audio (3) audiovisual (33) autores (49) baile (4) bibliotecas (70) bioloxía (6) cartel (5) centenario (16) certames (11) cidades (3) ciencia (20) ciencia-ficción (4) cine (27) club de lectura (4) comic (26) compromiso (81) concursos (38) conferencia (9) congresos (5) contacontos (9) Cosmos (29) cuestionario (4) curta (2) dereitos humanos (53) deseño (4) dicionarios (8) didáctica (16) discapacidade (7) DiversidadeCultural (8) documentais (6) educación (80) efemérides (168) encontros con escritores (14) enlaces (241) enquisas (7) ensaios (1) entrevista (1) entroido (8) Escola de Atenas (1) exposicións (49) expresión oral (2) familia (5) familias (3) ficha (1) filosofía (6) física (2) fomento da lectura (140) fondos (1) formación de usuarios (6) formularios (1) fotografía (6) galego (4) Galicia (40) graduación (3) guías (2) HªEscritura (18) HªOlimpiadas (9) historia (46) homenaxe (63) humor (19) ilustración (8) inglés (38) iniciativas (10) intercambio (4) interculturalidade (14) internet (13) latín (2) letras galegas (50) LIBROS (148) linguas estranxeiras (8) literatura (86) manualidades (2) matemáticas (10) medio ambiente (22) mitoloxía (8) mochilas viaxeiras (1) Morte de Sócrates (1) mulleres (43) MUSE (1) música (49) narrativa (40) natureza (2) Nobel (3) noticias (38) obituario (23) obradoiro (3) Odisea (1) OPINIÓN (2) ortografía (2) patrimonio (18) paz (49) pioneiros (20) poesía (73) premios (41) presentación (14) publicidade (3) química (1) radio (1) RD25Anos (5) recursos (15) revista (2) roteiros (3) S.C.AntiguaGrecia (15) Samaín (6) saúde (6) semana cultural (122) solidariedade (12) teatro (25) textos (1) tics (41) titoría (3) traballo por proxectos (9) traducción (1) tríptico (1) verán (2) viaxes (2) vídeos (90) violencia de xénero (7) votacións (3) xadrez (1) xeografía (6) xogos (15) xornadas (1) xornalismo (2) xubilación (1)

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER