28/09/09

DOUS LIBROS QUE MERECE A PENA LER

Hoxe queremos recomendarvos a lectura de dous libros do xornalista, escritor e profesor Carlos G. Reigosa. O primeiro, Intramundi, publicado no ano 2002, é unha recreación literaria das paisaxes da súa infancia, os vales do norte da provincia de Lugo, illadas do resto do mundo polos montes de Tras da Corda, un mundo que xa recreara en libros como Homes tras da Corda ou As pucharcas da lembranza. A novela está dividida en catro partes que levan por título respectivamente 1928, 1936, 1948 e 1966, catro anos significativos para a historia do lugar que recrean respectivamente o ambiente que se vive na etapa republicana, durante a guerra civil, no franquismo e no aperturismo. Un libro extraordinario que pasou bastante desapercibido no seu momento e que cómpre traer de novo á actualidade.
O segundo libro, A vida do outro, foi Premio Torrente Ballester 2008 e nel o escritor e periodista lucense reflexiona sobre o que supuxo a Transición e a consolidación da democracia para os españois desde o punto de vista de Miguel Cano Goiriz, un brillante periodista de 56 anos que está a escribir a súa biografía e se sente “absolutamente desbordado pola realidade que, dalgún xeito, vai descalabrando a súa vida persoal”. A historia comeza no ano 1967 e remata na época actual, momento no que deixa de vivir coma se fora outra persoa para reencontrarse consigo mesmo e “estar vivo cando morra”.
Reigosa ten xa unha longa traxectoria como narrador en galego. Quen non lembra Crime en Compostela, gañador do primeiro premio xerais no ano 1984, O misterio do barco perdido, Irmán, rei Artur, Pepa, a Loba e tantos outros, ou libros de investigación como Fuxidos de sona ou El regreso de los maquis?
APURADE A PEDIR UN EXEMPLAR NA BIBLIOTECA!

18/09/09

CASTELAO NAS CORTES DA IIª REPÚBLICA

Pasaron xa 78 anos, pero as cousas, aínda sendo diferentes, non cambiaron moito. Unha vez máis a lingua de Galicia segue a ser motivo de debate entre a clase política, unha vez máis aflora nalgúns habitantes de Galicia o destrutivo autoodio que esquece que construír unha lingua é obra de séculos e que perder unha lingua é perder a historia dun pobo, un tesouro irreparable. Pero Galicia, como Penélope, fía e desfía eternamente a mesma tea, allea ao paso dos séculos. Por iso, aínda hoxe, as palabras de Castelao seguen sendo tan actuais como cando foron pronuncidas por primeira vez aquel 18 de setembro de 1931.
Velaquí algúns fragmentos do seu discurso:

"Desde que los llamados Reyes Católicos verificaron el hecho que Zurita llamó la doma y castración del reino de Galicia, la Lengua gallega ha quedado prohibida en la Administración, en los Tribunales, en la enseñanza, y la Iglesia misma evitó que nosotros, los gallegos, rezásemos en nuestra propia Lengua. Esta política de asimilación y de hostilidad sólo ha conseguido en tanto tiempo este pobre triunfo: que los niños de las escuelas gallegas crean que hablar castellano es hablar bien, y que hablar gallego es hablar mal."

Porque, Señores Diputados, si los gallegos aún somos gallegos, es por obra y gracia del lenguaje, porque un cultivo estético y científico de nuestra Lengua viene a ser la reconquista de todo cuanto tuvimos y porque, perdiéndose nuestro lenguaje, ya no nos quedaría ninguna esperanza de revivir."

"Pero el idioma, más que un medio de expresión, es una fuente de arte, es el vehículo del alma original de un pueblo y, sobre todo, es en sí una gran obra de arte que nadie debe destruir. Y hay otros que se ríen de nosotros, porque sueñan todavía en el triunfo del idioma único. Esa es una bella ilusión que no se llegará, a realizar nunca. Hace algunos años me encontraba yo una tarde allá en el Finisterre bretón pensando en mi tierra, y cantó el cuco y noté que aquel cuco cantaba como los nuestros y ladró un perro y noté que el perro ladraba como nuestros perros, y entonces surgió en mi imaginación esta gran verdad: los pobres animales aún están en el idioma universal."
OS QUE QUEIRADES COÑECER MÁIS SOBRE O PENSAMENTO POLÍTICO DE CASTELAO TEDES NA BIBLIOTECA O "SEMPRE EN GALIZA".

17/09/09

SABER PERDER

Din por aí que á terceira vai a vencida e así foi no caso de David Trueba, guionista, director de cine e novelista que este ano gañou o Premio Nacional da Crítica con Saber perder, un libro no que tal vez coste traballo entrar, pero que unha vez dentro vai medrando en interese e acaba atrapándote ata o final.
A novela narra as historias de catro personaxes, tres deles da mesma familia: A de Silvia, unha adolescente de dezaseis anos que entra no mundo dos adultos da man do futbolista arxentino Ariel Burano, fichado por un equipo español; a propia historia de Ariel; a do pai de Silvia, Lorenzo, abandonado pola súa muller Pilar, que atopa o amor con outro home, e a de Leandro e Aurora, os avós de Silvia, que viven a súa traxedia particular de vellez e enfermidade. Historias paralelas que ás veces se cruzan e que rematan coa crueldade coa que suceden as cousas na vida real, sen milagros nin cambios de última hora. Porque Trueba busca transmitir a vida cotiá, a rutina duns personaxes vulgares, vencidos da vida, que viven entre as súas propias frustracións, os seus desexos, os seus medos e as diversas formas de enfrontarse a eles, que buscan a felicidade e foxen da soidade.
Pero na novela destaca tamén o retrato que se fai do mundo do fútbol, -que o autor describe como “un medio muy complicado porque está rodeado de corrupción, intereses cruzados y los jugadores muchas veces carecen de otra capacidad que no sea la destreza física”- e o retrato da cidade de Madrid, onde sobreviven a duras penas entre os abandonados pola fortuna unha masa anónima de inmigrantes.
Martín Nogales, un dos membros do xurado que premiou a novela, di que Trueba conta “como sobrevivir cuando las cosas a nuestro alrededor se derrumban”, que “no es una lección menor en los tiempos en que vivimos”. Segundo a súa opinión, un dos logros do libro é como vai trazando a historia na que presenta “un entramado social, duro, difícil” pero faino “a través del cristal del humor y suaviza su crudeza
Trueba reivindica a lección das pequenas derrotas cotiás. Como di el mesmo: "vivimos en una época en que el triunfo y la fama se sobrevaloran e incluso se miran como algo perfecto”, e lamenta que na actualidade se impoña o baremo deportivo que obriga a gañar sempre para calibrar o éxito e a felicidade porque “la vida tiene un final que no se parece a la medalla olímpica”. “Sobrevivir sigue siendo la gran aventura”.

16/09/09

TEBEOS PARA TODOS

Se vos gustan os tebeos de aventuras estades de noraboa. Atopamos unha bitácora titulada Joyas Literarias Juveniles da que mesmo podedes descargar os números que máis vos interesen. Premede sobre a imaxe e accederedes a ela.E os que queirades máis variedade entrade en: Guía del COMIC, onde atoparedes un pozo sen fondo.

12/09/09

A DOCENCIA DO SÉCULO XXI

Rematados os exames de setembro, os días que quedan ata recibir de novo aos alumnos son sempre de preparación do novo curso. A estas alturas cadaquén sabe xa os niveis que terá que impartir e o que máis e o que menos está revisando libros, dando os últimos retoques á programación ou organizando as primeiras tarefas que propoñerá aos seus alumnos.
Por iso é fundamental neste momento que pensemos como afrontar o novo curso: se queremos entrar de novo na rutina ou se, polo contrario, estamos dispostos a actualizarnos e poñernos a proba con novos retos.
La escuela en red invítavos a reflexionar sobre este tema.

10/09/09

VALE MÁIS PREVIR QUE CURAR

No blogue A revolta da freixa descubrimos este simpático e ao tempo didáctico vídeo que prepararon en Portugal para adestrar aos rapaces na prevención da gripe A e queremos divulgalo para que o coñezades tamén vós.

Os que queiran afondar máis no tema poden premer AQUÍ.

09/09/09

A EDUCACIÓN, UN CAMIÑO DE IDA E VOLTA

"Como diciamos onte", dis que dixo Frei Luís de León cando retomou as súas clases na Universidade de Salamanca despois dun tempo recluído na cadea. E nós? Que palabras traducen os nosos sentimentos despois de dous meses de non contactar coas aulas?
Sexa como for volvemos ao noso traballo, un traballo especial: a paideia, difícil privilexio.
Dise que son malos tempos para a educación porque vivimos nunha época en que a cultura da imaxe nos devora sen que opoñamos resistencia e o reinado do efémero se instala nas nosas casas. Pero a verdade é que nunca foi doado. Vai implícito na propia palabra "educare" = "preparar a intelixencia e o carácter dos nenos para que vivan en sociedade". Case nada! E se nos fixamos nos sinónimos o susto que podemos levar aínda é maior: "adestrar, afinar, amaestrar, civilizar, documentar, domesticar, exercitar, ensinar, formar, guiar, facer home, informar, levar da man, preparar, pulir, reprender, tutelar, dar unha lección, machacar en ferro frío...", María Moliner dixit. Quen é o coitado que se deixa facer todo iso sen regañar os dentes sequera de cando en vez?
Indubidablemente temos un labor difícil pero tamén apaixoante, un traballo do longo percorrido para o que hai que adquirir a resistencia do corredor de fondo se queremos aguantar a proba ata o final. Que como se consegue? Cada quen ten a súa estratexia: para moitos será unha cuestión de simple supervivencia, para outros unha cuestión vital: crer no que fai.
Mais o obxectivo desta entrada non era escribir un "speech" senón recomendarvos tres libros excelentes que lin este verán e que poden servir para comezar o novo curso. Os tres teñen como tema común a educación e os tres pódennos servir para facer algo que sempre lles pedimos aos alumnos, uns minutos de reflexión. Porque, aceptémolo ou non, a deformación profesional fainos ir perdendo reflexos e vainos incapacitando pouco a pouco para enfocar o tema con perspectiva. Trátase de Creer en la educación de Victoria Camps, Mal de escola de Daniel Pennac e Ser quien eres de Emilio Lledó. O primeiro e o terceiro son dous libros de ensaio cuxos títulos conteñen xa a esencia do que imos atopar no seu interior: "o problema fundamental que ten a educación nos nosos días é a falta de fe" e "o home non é outra cousa senón o que a educación fai del". E finalmente o segundo é unha mestura de autobiografía, novela e ensaio que aborda a educación dende o punto de vista do mal estudante.
Non quero, non obstante, esquecer outros dous libros, de lectura amena e divertida, que tratan tamén o mundo das aulas, un deles, A Clase de François Bégaudeau, xa o reseñamos o pasado curso neste blogue con motivo da súa publicación e da estrea da película do mesmo nome, o outro, Crónica de un profesor de secundaria de Toni Sala, publicado no 2002, ofrécenos a testimuña directa dun profe de lingua e literatura desde dentro, unha crónica "persoal, complexa e significativa dun mundo que nos interesa e nos afecta a todos".
SÓ VOS QUEDA ELIXIR POR ONDE EMPEZAR, PERO ISO DEIXÁMOLO AO VOSO LIBRE ALBEDRÍO.

ETIQUETAS

8-M a lingua acoso-bullying actividadeBiblio actualidade adolescencia Ágora alfin amor animación ApadriñaLector arqueoloxía arte astronomía audio audiovisual autores baile bibliotecas bioloxía blog cartel centenario certames cidades ciencia ciencia-ficción cine club de lectura comic compromiso concertos concursos conferencia congresos contacontos Cosmos cuca cuestionario curta dereitos humanos deseño dicionarios didáctica discapacidade DIVERINTERCULTURAL DiversidadeCultural documentais educación efemérides encontros con escritores enl enlaces enquisas ensaios entrevista entroido exposicións expresión oral familias feminismo ficha filosofía física fomento da lectura fondos formación de usuarios formularios fotografía francés galego Galicia Gastronomía graduación Grego guías HªEscritura HªOlimpiadas historia homenaxe HoraDeLer humor ilustración inglés iniciativas intercambio interculturalidade internet latín letras galegas LIBROS LibrosVivintes linguas estranxeiras literatura manualidades matemáticas medio ambiente microrrelatos mitoloxía mochilas viaxeiras mulleres MUSE museos música nadal narrativa natureza Nobel noticias O CINE O MAR obituario obradoiro Odisea OPINIÓN ortografía P.Cervantes P.Dado Pasapalabra patrimonio PATRIMONIOGALEGO paz pioneiros PLAMBE PlanProxecta poesía premios presentación publicidade química radio Radiofiestra RadioNaBiblio RD25Anos recursos revista roteiros S.C.AntiguaGrecia Samaín saúde semana cultural solidariedade teatro textos tics titoría traballo por proxectos traducción tríptico verán viaxes vídeos violencia de xénero votacións xadrez xeografía xogos XOGOSTRADICIONAIS xornadas xornalismo xubilación

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

ESTATÍSTICAS DE VISITAS

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER