30/10/10

VOLVEN OS RECUNCHOS DE POESÍA E MÚSICA

Este ano commemórase o centenario do nacemento de dous recoñecidos artistas: LUIS SEOANE E MIGUEL HERNÁNDEZ. Do primeiro xa fixemos unha entrada neste blog hai pouco (cf. CEN POR CEN SEOANE), e do segundo podedes ver esta páxina na que nos informan da súa vida e obra.
Nós desde a Biblioteca recuperaremos o martes 2 de novembro no 2º recreo os recunchos de poesía e música con un poema de cada un deles. Se queredes ir facendo boca, aqui vos deixamos coa homenaxe que o rapeiro NACH lle fixo a Miguel Hernández.


27/10/10

25/10/10

CEN POR CEN SEOANE

O 22 de outubro inaugurouse na sé de Caixa Galicia da Coruña unha extraordinaria exposición sobre Luís Seoane que permanecerá aberta ata o 30 de xaneiro. Esta exposición, a máis completa de todas as realizadas ao longo deste ano do seu centenario, está formada por máis de 350 pezas orixinais, ademais de centos de fotos e documentos que abranguen tanto a súa faceta de artista: pintura, gravado, deseño, ilustración, textos literarios, cerámica... como a súa faceta de activista político.

Ademais a exposición amosa tamén o contexto histórico no que se desenvolveu a súa obra e as personalidades contemporáneas coas que tivo relación.

NON A PERDADES, ESPECIALMENTE OS ALUMNOS DE 4º DE ESO E 1º E 2º DE BACH., PORQUE MERECE A PENA.

24/10/10

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES


Celebramos o Día das Bibliotecas Escolares co anuncio da publicación de novos dicionarios.

A chegada de novos dicionarios é sempre motivo de alegría para os estudosos das linguas, e aínda o é máis neste caso polas características dos mesmos.

O I.L.G.A. e a R.A.G. acaban de publicar o Dicionario de pronuncia da lingua galega, elaborado por X.L. Regueira, profesor de Filoloxía Galega na USC, xunto cun equipo de investigadores. A obra dirixida tanto a galego falantes como foráneos foi presentada con estas palabras:

"É unha ferramenta relevante para a normalización do galego, xa que permite establecer un modelo de pronuncia estándar utilizable na aprendizaxe, nos medios orais de comunicación e noutros ámbitos de difusión da lingua".

O Centro Ramón Piñeiro acaba de publicar tamén un Dicionario galego-latino clásico e moderno elaborado por Xosé López Díaz. Este dicionario ten a particularidade de incluír termos actuais do galego así como expresións populares.

Tamén resulta novidoso o Diccionario de colocaciones del español elaborado por un equipo dirixido pola profesora da Univ. da Coruña Margarita Alonso en versión internet ao que podedes acceder dende AQUÍ.

23/10/10

PASIÓN POR RENOIR

O 19 de outubro inaugurouse no Museo do Prado a primeira exposición monográfica dedicada a Renoir en España, baixo o título PASIÓN POR RENOIR.
A mostra conten 31 obras do artista impresionista (1841-1919), as mellores entre as reunidas polo coleccionista norteamericano Robert Sterling Clark, que permanecerán expostas no Prado ata o 6 de febreiro.
Se algun de vós ten a sorte de poderse achegar a Madrid con motivo da festa do 1 de novembro, ou nas vacacións de Nadal, ha de saber QUE RENOIR O ESTÁ ESPERANDO.

Moza peiteándose (1894) .............................Dúas mozas ao piano (1894)

Se premedes AQUI poderedes ver unha importante selección de cadros deste pintor.

20/10/10

CHEGOU "A HORA DE LER"

Como xa sabemos todos, este curso comezamos cun proxecto novo, que demos en chamar A HORA DE LER. Consiste en dedicar todos os días 20 minutos a ler en voz alta en todas as clases da ESO.
Despois de escoitar as opinións de moitos profesores do noso centro, e tamén doutros centros que xa levan varios anos con lectura diaria nas aulas, estes son os libros escollidos para A HORA DE LER no “RAFAEL DIESTE”:

S1ºA: E. LINDO, Manolito gafotas , ed. Alfaguara
S1ºB: P. NESSMAN, Todas as respostas ás preguntas que nunca te fixeches, ed. Factoría K
S1ºC: M.S.CALVEIRO, O carteiro de Bagdad, col. Ala Delta

S2ºA: AGUSTÍN FDZ PAZ, Contos por palabras, ed. Xerais
S2ºB: JEAN-PAUL NOZIÈRE, La canción de Hannah, ed. Anaya
S2ºC: Mª ISABEL MOLINA, El señor del cero, ed. Alfaguara

S3ºA: LUCY & STEPHEN HAWKING, La clave secreta del Universo, ed. Montena
S3ºB: MARCOS S. CALVEIRO,
O pintor do sombreiro de malvas, ed. Xerais
S3ºC: CONCHA ROMERO, Así aman los dioses, ediciones clásicas (teatro)

S4ºA: STEFAN ZWEIG, Momentos estelares de la humanidad, Ed. Acantilado
S4ºB: MARILAR ALEXANDRE, A cabeza de Medusa, Ed. Xerais
S4ºC: VICTOR GONZÁLEZ, El río que se secaba los jueves y otros cuentos imposibles, Anaya (microrrelatos)
S4ºD: P. NESSMAN, Todas as respostas ás preguntas que nunca te fixeches, ed. Factoría K


O horario, que quedou establecido nas avaliacións iniciais, está exposto no taboleiro da sala de profesores e da biblioteca. Xa están encargados os exemplares necesarios, de maneira que poidamos contar con 15 exemplares de cada título. Sería desexable comezar na semana do 1 ao 5 de novembro. En canto cheguen AVISAREMOS.

O LIBRO TOTAL


Que o libro dixital xa é un feito, sabémolo. Mais aínda así a moitos séguenos a sorprender que poidamos ou nos poidan ler un libro con só darlle a unha tecla do noso ordenador. E se non, botádelle unha ollada a esta páxina da fundación colombiana El Libro Total, un proxecto cultural que reúne libros da literatura clásica e hispanoamericana nun formato doado de utilizar e que incorpora audio nalgúns casos (recomendo a audición d´A Ilíada de Homero). Esta aplicación permite, ademais de audiolectura, comparación de textos en varias linguas, confrontación de versións, dicionarios e enlaces a recursos adicionais. Todo isto faina interesante e atractiva para o seu uso didáctico, e de visita obrigada.

POR FALTA DE PALABRAS

19/10/10

PREMIO CERVANTES CHICO 2010


Fernando Lalana (Zaragoza, 1958) recibiu o Premio de Literatura Infantil y Juvenil Cervantes Chico 2010, recuperado no ano 2004 después de cinco anos sen entregarse.
O autor de Morirás en Chafarinas, El secreto de la arboleda, El zulo, Los hijos del trueno... leva publicados máis de 70 libros e recibiu un sinfín de premios: Premio Nacional de Literatura infantil y juvenil, o Premio Gran Angular tres veces, o Barco de Vapor, o Jaen...
Agora tocoulle o Cervantes Chico.

"El jurado valoró su amplia y esmerada producción literaria; igualmente, contempló entre sus méritos el tratarse de una obra variada, dirigida a un amplio espectro de reales y potenciales lectores entre su público, así como su permanente compromiso con la comunidad educativa y con la promoción de la lectura."

Os que aínda non o coñezades entrade na súa páxina web.

A VOLTAS COAS TICs


Agora que moitos profesores andamos aplicando a informática as nosas clases, creo que este titorial pode virnos ben a todos. A través del aprenderemos cómo se fai un slideshare, unha webquest ou un hot potatoes, ferramentas todas elas moi útiles. Se vos interesa aprender, premede AQUI

16/10/10

SEGURIDADE EN INTERNET

Todos navegamos xa por internet e moitos visitamos xa as Redes Sociais. Mais debemos ter coidado e saber que encerran tamén perigos.
"Cuidarte en Internet es muy sencillo. Sólo tienes que aplicar la lógica que utilizas en tu vida y ajustar la privacidad en las Redes Sociales a las que te conectas".

Isto é o que nos di a asociación SAVE THE CHILDREN na súa páxina http://www.deaquinopasas.org/ , onde descubriremos cómo coidarnos nas Redes Sociais. Por exemplo:
-non crendo todo o que vemos ou nos din
-non facéndonos pasar por outro na Rede
-non acudindo sós ou sen avisar a ninguén a citas
-non compartindo a contraseña
-non contando todo de un
-non conectándonos en ordenadores que non sexan os nosos
-non facéndonos amigos de calquera na Rede
-non colgando fotos sen privacidade ningunha, etc

LIBROS PARA A HORA DE LER

Xa que andamos este días a voltas cos libros que imos elixir para os 20 minutos de lectura diaria, aqui vos deixo un enlace a unha páxina para consultar os catálogos de libros que a Red de Selección de Libros Infantiles y Juveniles elabora anualmente desde 2004. Éste é un grupo de traballo constituído por institucións, asociacións e revistas que realizan un labor de selección e recomendación de lecturas para nenos e mozos nas distintas linguas do Estado Español.



PODEMOS ATOPAR ALGO INTERESANTE

15/10/10

EDUARDO MENDOZA, PREMIO PLANETA 2010

Eduardo Mendoza gaña o premio Planeta deste ano con Riña de gatos, unha obra que segundo el mesmo di mestura intriga, aventuras e reflexión, e que resume así:

"En la primavera de 1936 un joven inglés que es experto en pintura antigua viaja a España para tasar un posible Velázquez desconocido, pero en Madrid ya se anuncia lo que será la Guerra Civil."

Todos coñecedes a Eduardo Mendoza. Quen non leu La verdad sobre el caso Savolta, El misterio de la cripta embrujada ou Sin noticias de Gurb, que por certo están a ler estes días un grupo de alumnos do noso club de lectura O trasno na rede.


Vaia desde aquí a nosa felicitación para Eduardo Mendoza.


Vede e escoitade o que di neste vídeo:


Nostromo 04: Eduardo Mendoza, Humor y Literatura



14/10/10

BICENTENARIO DO PRIMEIRO LIBRO EDITADO EN GALEGO


Entre o 13 de outubro e o 13 de novembro, con motivo do bicentenario da publicación de Proezas de Galicia de José Fernández y Neyra, o primeiro libro editado en galego, a Sala de Exposicións do Pazo Municipal da Coruña acollerá unha exposición conmemorativa que as bibliotecas municipais da Coruña presentan así:

"En 1810, hai agora douscentos anos, imprímese na Coruña o primeiro libro en galego, tres anos despois edítase o primeiro supervendas da literatura galega, Rogos dun galego da autoría de Manuel Pardo de Andrade, "Impío e demócrata en sumo grao" como é nomeado nunha Lista de inimigos. Pero é no período 1885-1931 cando se configura na Coruña a moderna empresa editora; a partir de 1885, a Biblioteca Galega de Mártinez Salazar comeza a formar un público e a seguinte xeración de editores xa é capaz de soñar un mercado: Leandro Carré e Ánxel Casal comezan a cadrar os números do libro galego con sentido empresarial e compromiso ideolóxico."


Tedes máis información en PROEZAS DEL LIBRO EN GALLEGO

13/10/10

RECURSOS ELECTRÓNICOS CO CARNÉ DA BIBLIOTECA

O video que hai a continuación, elaborado pola Biblioteca Anxel Casal de Santiago, permítenos a todos os usuarios da nosa biblioteca coñecer os recursos electrónicos que Bibliotecas de Galicia pon á nosa disposición. Para acceder teremos que usar o nº do carné da biblioteca do Instituto e poñer o noso apelido en minúscula como contraseña.

Animamos a todos a usar estes recursos que temos a sorte de ter á nosa disposición.

09/10/10

PREMIO NACIONAL DE NARRATIVA 2010

O escritor extremeño Javier Cercas foi galardoado co Premio Nacional de Narrativa pola súa obra Anatomía de un instante, unha mestura de novela e ensaio na que fai unha reflexión sobre a nosa Transición cara a democracia a partir do intento de golpe de estado do 23F.

Javier Cercas é un autor para os que vos gusta a novela histórica. Tedes tamén na biblioteca Soldados de Salamina, publicada no ano 2001 e que foi levada ao cine por David Trueba.
Se queredes coñecer mellor a Javier Cercas vede o documental que tedes a continuación.


Entrevista: Javier Cercas autor de ’Anatomía de un instante’


07/10/10

O NOVO NOBEL DE LITERATURA


Hoxe sóubose a identidade do novo premio Nobel de Literatura, Mario Vargas Llosa. O escritor peruano-español, que xa levaba soando nas quinielas do NOBEL moitos anos foi elixido, por fin, este ano.

A abundancia de títulos publicados por Vargas Llosa e a sona dos mesmos impídenos decantarnos por un, pero os que queirades coñecer a súa obra podedes pasar a partir de mañá pola biblioteca e pedir en préstamo a que prefirades.

Se queredes ler más información sobre el premede AQUÍ ou AQUÍ.

05/10/10

DÍA MUNDIAL DOS DOCENTES

Todo o mundo sabe, ou debería saber, que o papel dos docentes é indispensable na sociedade, e a UNESCO quere recoñecelo dedicándolles o día de hoxe. Mais como ocorre con todas as celebracións e homenaxes, estas teñen que estar respaldadas con outras actuacións para que o que se pretende chegue a facerse realidade. Iso é o que todos esperamos que suceda algún día.


04/10/10

BIBLIOTECA ESCOLAR, UN MUNDO DE OPORTUNIDADES


Xa saíu o cartel de Bibliotecas Escolares deste ano realizado por Marina Seoane. O lema xa o di todo:

BIBLIOTECA ESCOLAR, UN MUNDO DE OPORTUNIDADES

O único que cómpre é aproveitar ese mundo de oportunidades convertendo en algo habitual as visitas á blbioteca do noso centro de ensino.

02/10/10

O COMIC ESTÁ DE FESTA


O día 2 de outubro de 1950 nacía oficialmente o bo de Charlie Brown, o celebérrimo Carlitos, o eterno perdedor, da man do debuxante americano Charles M. Schulz, e dous días despois o seu inseparable Snoopy, o entrañable canciño soñador que nos namorou a todos. Logo virían o resto dos personaxes da banda que durante 50 anos faría as delicias de xeracións de lectores de máis de 70 países: Sally, a irmá de Carlitos, os imáns Linus e Lucy, a chapona de Marcia e a súa amiga Peppermint Patty, o paxaro Emilio, os irmáns de Snoopy, Spike e Canicas...
Que mellor maneira de celebrar o aniversario que reler algunha das entrañables historias creadas por Charles M. Schulz.

ETIQUETAS

8-M a lingua acoso-bullying actividadeBiblio actualidade adolescencia Ágora alfin amor animación ApadriñaLector arqueoloxía arte astronomía audio audiovisual autores baile bibliotecas bioloxía blog cartel centenario certames cidades ciencia ciencia-ficción cine club de lectura comic compromiso concertos concursos conferencia congresos contacontos Cosmos cuca cuestionario curta dereitos humanos deseño dicionarios didáctica discapacidade DIVERINTERCULTURAL DiversidadeCultural documentais educación efemérides encontros con escritores enl enlaces enquisas ensaios entrevista entroido exposicións expresión oral familias feminismo ficha filosofía física fomento da lectura fondos formación de usuarios formularios fotografía francés galego Galicia Gastronomía graduación Grego guías HªEscritura HªOlimpiadas historia homenaxe HoraDeLer humor ilustración inglés iniciativas intercambio interculturalidade internet latín letras galegas LIBROS LibrosVivintes linguas estranxeiras literatura manualidades matemáticas medio ambiente microrrelatos mitoloxía mochilas viaxeiras mulleres MUSE museos música nadal narrativa natureza Nobel noticias O CINE O MAR obituario obradoiro Odisea OPINIÓN ortografía P.Cervantes P.Dado Pasapalabra patrimonio PATRIMONIOGALEGO paz pioneiros PLAMBE PlanProxecta poesía premios presentación publicidade química radio Radiofiestra RadioNaBiblio RD25Anos recursos revista roteiros S.C.AntiguaGrecia Samaín saúde semana cultural solidariedade teatro textos tics titoría traballo por proxectos traducción tríptico verán viaxes vídeos violencia de xénero votacións xadrez xeografía xogos XOGOSTRADICIONAIS xornadas xornalismo xubilación

PUBLICACIÓNS POPULARES DA SEMANA

PUBLICACIÓNS POPULARES DO MES

PUBLICACIÓNS POPULARES DE SEMPRE

ESTATÍSTICAS DE VISITAS

LinkWithin

Related Posts with Thumbnails

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA
Blogue

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE PRIMARIA
Blogues

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA

BIBLIOTECAS GALEGAS DE SECUNDARIA
Blogues

BLOGALIZA

CANAL LECTOR

PASAPALABRA

PORTAL DAS PALABRAS

PROLINGUAPROLINGUAPROLING

TICs

educ@conTIC

WIKISABER